As rutas estivais para coñecer o parque nacional das Illas Atlánticas comezan mañá, con preto de 19.500 prazas dispoñibles

20/06/2019

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten previsto organizar este verán máis de 1.400 excursións guiadas a Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora

Baixo o título ‘Sálvora: unha illa de esculturas e lendas’, a primeira visita do verán ofrece unha ducia de prazas e sairá mañá, venres, desde o porto de Aguiño

Para poder participar nesta iniciativa, as persoas que estean interesadas terán que inscribirse previamente a través da páxina web de reservas do parque

As actividades con guía programadas ao longo do verán serán gratuítas para os asistentes, que deberán asumir pola súa conta o custo do desprazamento en barco

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofertará ao longo deste verán preto de 19.500 prazas para coñecer da man dun guía acreditado o patrimonio natural e ambiental do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Mañá está prevista a primeira das rutas guiadas da tempada, que baixo o título Sálvora: unha illa de esculturas e lendas permitirá aos 12 participantes na visita achegarse á historia e á natureza desta illa a través dun percorrido polas súas principais rochas e esculturas.

Estas rutas enmárcanse na actividade estival Descubrindo o Parque Nacional, que ofrecerá ao longo do verán máis de 1.400 excursións aos arquipélagos de Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora co obxectivo de animar aos cidadáns a coñecer os valores destes enclaves naturais, completando e enriquecendo así as actividades de praia ou de sendeirismo que habitualmente fan os visitantes nesta época do ano.

Nas illas de Ons e de Cíes estas visitas desenvolveranse todos os días, salvo que as condicións meteorolóxicas ou algún imprevisto obriguen a anulalas, durante o período que vai do 1 de xullo ao 15 de setembro. No caso de Cortegada, haberá rutas os luns ou os martes -en función da marea, xa que só se accede a esta illa con marea alta- desde o 1 de xullo ata o 9 de setembro, e no de Sálvora, están programadas para todos os luns, mércores, venres e sábados comprendidos entre o 21 de xuño e o 2 de setembro.

Independentemente da illa de destino, todas as excursións estarán dirixidas por guías do Parque Nacional con máis de 15 anos de experiencia e organizaranse sempre para grupos reducidos –normalmente, 12 persoas en cada quenda- co fin de garantir a máxima calidade da visita a este espazo protexido.

Por iso, o número de prazas é limitado e no caso de Cortegada e Sálvora, os interesados en participar nalgunha ruta deberán solicitar a súa praza a través da web da central de reservas habilitada polo Organismo de Parques Nacionais de España www.reservasparquesnacionales.es. Tamén se poderá cubrir esta solicitude acudindo persoalmente ao edificio Cambón, sede do Parque Nacional en Vigo.

Ao longo do verán ofertaranse case 500 prazas divididas en 40 rutas pola illa de Sálvora e outras 129 para participar nalgunha das 10 visitas previstas en Cortegada.

Así mesmo, no caso de Cíes e Ons as persoas que queiran anotarse para coñecer da man dun guía profesional estes arquipélagos, ao igual que nos anos anteriores, poderán facelo presencialmente nas casetas de información localizadas nestas dúas illas no momento da visita, xa que se ofertan prazas a diario aínda que cun número limitado.

A actividade guiada será sempre de balde e os participantes só terán que asumir os custos de desprazamento ata o porto de saída e o transporte en barco ao arquipélago (previamente concertado polo parque). Cada persoa poderá reservar unha soa ruta por illa e cómpre lembrar que tamén terá que xestionar pola súa conta a correspondente autorización na web https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/illasr/inicio, requisito imprescindible para comprar o billete nalgunha das navieiras que cobren o transporte regular ao parque en tempada alta.

Estas rutas están recomendadas para un público maior de 12 anos, pero os menores tamén poden participar sempre que vaian acompañados dun adulto; por cada maior de idade participante, admitiranse, como máximo, dous menores ao seu cargo.

Máis de 15 anos de rutas

A tempada estival de visitas arrancará oficialmente mañá coa primeira excursión a Sálvora. Partirá do porto de Aguiño (Ribeira) ás 10,30 horas e regresará ás 18,15 horas e terá como fin dar a coñecer como son as xentes e a natureza desta illa, propoñendo un percorrido pola súa principal ruta histórica-xeolóxica. A primeira visita estival a Cortegada sairá de Vilagarcía o vindeiro 1 de xullo e baixo o título O segredo dun bosque no mar, utilizará as distintas árbores que cobren esta illa como fío condutor para contarlle aos asistentes historias sobre os seus antigos poboadores e a riqueza natural e paisaxística que alberga.

Cómpre lembrar que o programa de rutas de verán do Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu no ano 2004, ofertando nun principio visitas guiadas ás illas de Cíes e de Ons, e ampliando a actividade a partir do verán de 2017 tamén aos illotes de Sálvora e Cortegada, os menos coñecidos deste espazo natural galego.

Desde a súa primeira edición, estas rutas sempre tiveron moi boa acollida, como demostra o feito de que ata o momento preto de 60.000 persoas xa tiveron ocasión de coñecer en profundidade e da man de persoal especializado os segredos do Parque Nacional.

Xunta de Galicia

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies