20/08/2025
O concello de Dodro informa 🏛️
QUEDA DESERTA A CONTRATACIÓN DA BRIGADA FORESTAL DE DODRO E O CONCELLO RECLAMA UNHA REVISIÓN URXENTE DAS CONDICIÓNS DOS CONVENIOS FORESTAIS COA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL
O Concello de Dodro quere trasladar á opinión pública a súa profunda preocupación pola situación xerada ante os graves incendios forestais que afectan a Galicia e pola insuficiente resposta das administracións competentes.
No ano 2025 asinouse un convenio coa Consellería do Medio Rural, parcialmente financiado con fondos europeos (FEADER), co obxectivo de desenvolver labores de prevención e defensa contra os lumes. Este acordo contemplaba a creación dunha brigada municipal de cinco compoñentes, así como traballos manuais e mecanizados de prevención. Sen embargo, o procedemento de contratación quedou deserto, o que imposibilitou contar cunha brigada operativa este verán.
Esta realidade pon de manifesto unha problemática máis profunda:
• A Consellería do Medio Rural debe asumir as súas competencias, tal e como establece a Lei 3/2007, e non trasladar ás entidades locais responsabilidades sen dotación de medios nin financiamento suficiente.
• Os convenios actuais non cobren os custos reais das brigadas, deixando aos concellos pequenos nunha situación insostible.
• Non se dispoñen dos vehículos, equipamentos nin persoal cualificado necesarios, e os prazos fixados pola Administración dificultan aínda máis a posta en marcha das brigadas.
• O sector forestal sofre unha grave falta de profesionais debido ás condicións laborais precarias, á ausencia dun convenio colectivo actualizado desde 2019 e á escasa formación que se ofrece.
• A temporalidade das brigadas —limitadas a só tres meses— fai imposible desenvolver un traballo eficaz de prevención e defensa, agravando o risco de incendios.
• A isto súmase a falta dunha verdadeira política de xestión integral do monte, que permita aproveitar os recursos forestais de xeito sustentable.
• A fragmentación da propiedade e a desestruturación da tenza da terra fan moi difícil levar a cabo actuacións continuadas de prevención e mantemento.
• A falta de limpeza e coidado das leiras privadas contribúe a incrementar a carga de combustible vexetal, favorecendo a propagación dos lumes e poñendo en perigo a seguridade das persoas e das vivendas.
O Concello de Dodro vén de reclamar ante a Dirección Xeral de Defensa do Monte unha reflexión seria e urxente sobre este modelo, que condena ás administracións locais a enfrontarse á problemática dos incendios cunha evidente carencia de medios.
Como alcalde de Dodro, reitero que os concellos non poden seguir asumindo en solitario unha responsabilidade que é compartida. Esiximos planificación, financiamento axeitado e estabilidade laboral para o persoal forestal. Só así poderemos ofrecer unha resposta eficaz e garantir a protección do noso monte, do noso medio natural e da nosa veciñanza.
Dodro, agosto de 2025
O alcalde, Xabier Castro
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies