Noticias e alertas

Dodro acolle a iniciativa “ARTE POSTAL, INCENDIOS / CONTRALUMES”

22/01/2026

Dodro acolle a iniciativa “ARTE POSTAL, INCENDIOS / CONTRALUMES”



Un proxecto impulsado polo artista Lois Gil Magariños que ten como finalidade sensibilizar á poboación sobre a necesidade de previr os lumes forestais e a importancia do uso, aproveitamento e coidado dos nosos montes, especialmente, nun contexto de cambio climático.



O proxecto inclúe unha mostra artística de máis dun milleiro de postais sobre esta temática, na que participan artistas e comunidades escolares de 24 países, que responderon a unha convocatoria pública e aberta, xuntando e enviando as súas creacións para contribuir á loita contra os lumes forestais.



Esta mostra estará exposta no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, entre o 6 e o 20 de febreiro, en horario escolar. Durante ese tempo desenvolveranse distintas actividades divulgativas e pedagóxicas destinadas á poboación, nas que participarán, entre outros, o alumnado dos centros educativos municipais e as persoas usuarias do Centro de Día de Dodro.



Tamén colaboran nesta iniciativa distintos axentes sociais como representantes das Comunidades de Montes locais, técnicos municipais, responsables políticos e axentes da brigada do Distrito Forestal IV do Barbanza. Estes axentes informarán á cidadanía de cuestións relevantes como as especies pirófitas, prácticas e normativas que regulan o uso e coidado do monte e describirán o seu traballo, con demostracións que inclúen o uso de ferramentas e vehículos específicos.



O proxecto “ARTE POSTAL, INCENDIOS / CONTRALUMES” desenvolverase e viaxará polos municipios da Comarca do Sar, Pontecesures, Teo e Ames, poñendo en valor a importancia da implicación e loita colectiva na prevención e erradicación dos lumes forestais.



Convidamos a toda a veciñanza a participar en esta iniciativa para aprender máis dos nosos montes e de como coidalos.



Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies