Noticias y alertas

INÉS MOSQUERA CALVO GAÑA O XXXVIII PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓNO...

21/11/2025

INÉS MOSQUERA CALVO GAÑA O XXXVIII PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN



O Concello de Dodro celebrou hoxe o acto de deliberación do xurado da trixésima oitava edición do Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado por esta entidade e coordinado pola poeta Silvia Penas.



O xurado, composto polas poetas María Lado Lariño, Noelia Gómez Calvo e Miguel Cavadas Docampo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, acordou por maioría outorgar o premio á poeta Inés Mosquera Calvo pola súa obra "Upupú", presentada baixo o lema A ditadura da bubela.



A elección realizouse entre corenta e dúas obras candidatas e na acta os membros do tribunal destacaron da obra galardoada o seguinte:



Entre o poema e o corpo dun paxaro constrúese este libro. Unha poética concibida dende a linguaxe do animal, coa súa mesma axilidade e instinto. Hai salvaxismo neste canto. O upupú soa ao longo dos poemas como unha oración, e álzase por riba de todo: da dor, da enfermidade, da vergonza. Dividido en cinco partes: Lingua de xirín, Ás de pardal, A vergonza de amá, Bubela e a Ditadura da bubela. O poemario contén diversas citas de poetas (case todas mulleres) que acompañan no niño que a muller/paxaro artella, un voo preciso. Versos fragmentados e que entran directos nos ollos da lectora como un disparo. "Lonxe de ser miña ruliña/ son bubela", escribe. "Terei unha enfermidade de incómodo nome/ pero fun aprendendo a falar cos paxaros". A través da figura do paxaro hai un afán de liberdade. Ter o dereito a ser mala muller, mala filla, mala amante. "Dos meus poemas/ canto que son mala ditadora/ mala bubela/ mala muller/ mala filla// mala amante tamén". Upupú.



A gañadora do XXXVIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Inés Mosquera Calvo, naceu en Carcacía (Padrón), en 1992. Graduada en Educación Primaria especializada na docencia de linguas estranxeiras e cun Mestrado en Lingüística Aplicada pola Universidade de Vigo.



Na actualidade exerce como tradutora. Iniciou a súa traxectoria no ámbito da creación poética no ano 2022, coa publicación de Papulas Amarelas (Medulia Editorial). No 2023, saíu do prelo o segundo libro de poemas, Nonmesquezas. En paralelo, foron publicándose outros textos poéticos en volumes colaborativos como Dorna ou Domingo das Mozas.



O acto oficial de entrega deste premio terá lugar o vindeiro 13 de decembro, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, ás 17.30 h. O poemario gañador será publicado no ano 2026, nunha editorial de recoñecido prestixio.







Más Información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies